Demandan o arranxo das proteccións da ponte do Xabarido en Cabana

Infraestruturas viarias
Manuel Lavandeira
Estado das proteccións sobre a ponte do Xabarido sobre o río Anllóns. Foto: Concello de Cabana

O Concello de Cabana solicitoulle á Deputación da Coruña o arranxo das proteccións da ponte do Xabarido sobre o río Anllóns ao seu paso pola estrada CP-1405 de Pazos de Leas por Beres. A vía, de titularidade provincial, presenta as proteccións derrubadas nun amplo tramo da súa marxe dereita, implicando un considerable risco tanto para as persoas que a transiten a pé, como para as que o fagan en vehículo.

Co propósito de pór solución a esta problemática, o executivo cabanés emitiu unha reportaxe fotográfica e un informe técnico ao ente provincial no que se recolle o actual estado da ponte, e a través do cal se demanda a súa urxente reparación para deste xeito garantir a seguridade tanto de viandantes como de condutores.

Desde o goberno local sinalan a importancia de “actuar con eficacia nun punto moi transitado pola veciñanza” e agardan “poder ofrecer as mellores condicións de seguridade a todas as persoas que fagan emprego desta estrada”.