Denuncian a Lois García por destruír presuntos documentos probatorios

O rexedor pontecesán di que non ten nada que agochar “pois está todo en formato dixital”
Política municipal
Manuel Lavandeira
Membros do grupo municipal do PSOE antes da división e o pase ao grupo de non adscritos de cinco dos oitos concelleiros. Foto: ECG

Ponteceso. Unha das concelleiras non adscritas de Ponteceso (exsocialista) denunciou ante a Gardia Civil unha “presunta destrución de posibles probas” por parte do alcalde, Lois García.

Asegura, que despois da “aparicion dun audio onde se demostran as mentiras do señor alcalde, e da aprobacion en pleno dunha comisión de investigación” para esclarecer as gravacións feitas no concello, “o venres tivemos coñecemento da orde do alcalde a traballadores do concello de triturar toda a documentacion existente na alcaldía, ademais de proceder a súa limpeza por parte do propio rexedor e o seu asesor, por certo sen relación laboral nin política co Concello”.

Pregúntase se ten algo que agochar o señor Carballido? Aínda hai cámaras gravando en dependencias públicas? Quen ten acceso a esas gravacións? Onde se gardan? Por qué o alcalde non denuncia os feitos e pola contra da orde de destruir documentación? Ese asesor ten acceso a documentos dos nosos veciños e veciñas?

Entende que non pode ser que o rexedor pase por alto semellantes feitos “e diga que non son do interese xeral, pois o concello, e máis o despacho da alcaldía, é un lugar de todos os veciños, onde teñen lugar milleiros de conversas, e non podemos permitir que isto quede sin esclarecer. É un asunto gravísimo polo que pedimos que se investigue de forma urxente”, conclúe.

Unhas acusacións que Lois García califica “dunha trapallada máis” e de falta de coñecemento do funcionamento municipal “pois todos os expedientes se tramitan dixitalmente, tanto é así que o Concello de Ponteceso recibiu moitas felicitacións por ser pioneiro na implantación da sede electrónica”. Engade ademais que “non hai nada que agochar; o despacho da alcaldía está aberto todo o día”.

Acusa aos edís non adscritos de estar facendo uso dos votos que os veciños e veciñas lle deron ao PSOE “para facer dano ao Concello, só saben destruir e mentir e, de seguir así, van pasar á historia como os peores concelleiros de Ponteceso, algo que era difícil de superar, pero van acabar no libro dos récord Guinnes”.

Lembra que estes edís “co apoio do PP deixaron a Ponteceso sen Plan Único e o outro día votaron no pleno en contra da continuidade do programa Xantar na Casa” ao rexeitar o pago á Xunta de 6.000 euros, o que podería supoñer que o Concello perda subvencións.