Dobre concerto musical esta fin de semana na Praza dos Voluntarios de Laxe

Cultura
Manuel Lavandeira
O dúo Caamaño & Ameixeiras ofrecerá un concerto este venres na Praza dos Voluntarios de Laxe

Laxe acolle esta fin de semana dúas citas musicais que foron programados dende a Concellería de Cultura, que dirixe Raquel Lema. O dúo Caamaño & Ameixeiras, ligado á música e ao baile de raíz, actúan este venres, día 17 ás 19.30 horas na Praza dos Voluntarios. Presentarán os temas do seu primeiro traballo discográfico Aire!, para o que tomaron como punto de partida a tradición galega, ademais de explorar outras tradicións e mergúllarse nas músicas populares de outras latitudes, desde os confíns de Europa ata Brasil ou mesmo Arxentina.

O sábado, día 18 de setembro, será o turno de Mozart á galega, outra proposta musical que pretende axudar a reactivar e impulsar o tecido cultural galego da man de Atlantic Mozart Flute Quartets. O frautista da Real Filharmónica de Galicia Luis Soto deleitará aos laxenses cos sons dunha frauta orixinal datada no ano 1895 de un afamado “Flutier” francés, que foi atopada nun anticuario de Lugo e totalmente restaurada. A cita é tamén na Praza dos Voluntarios ás 19.30 horas.

O alcalde de Laxe, José Luis Pérez, volve a recalcar a necesidade de que todos os asistentes sigan cumprindo as recomendacións sanitarias e extremen as precaucións para gozar destes eventos con seguridade, "e manter os casos de contaxio en “0” como están na actualidade".