Dotarán dunha nova depuradora a Coristanco que dará servizo a mil veciños

Con esta infraestrutura eliminaranse tamén os vertidos de augas residuais ao río Vao
Saneamento
Manuel Lavandeira
Casa consistorial de Coristanco

Coristanco. A Deputación da Coruña aprobou destinar 214.217 euros (o 80 % do total) para a construción da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) de San Paio de Coristanco. Segundo o presidente provincial, Valentín González, trátase dunha actuación prioritaria ante a inexistencia desta infraestrutura de interese público.

Lembra que o Concello está a asumir varios expedientes sancionadores pola falta dunha depuradora que evite as verteduras ao río Vao, afluente do Anllóns. “É unha obra urxente para Coristanco xa que dará por fin un servizo básico ao municipio, evitará a contaminación dos seus ríos e, por outra banda, favorecerá o impulso do Proxecto Anllóns de Turismo sostible que promovemos desde a Deputación Provincial”, apuntou.

A infraestrutura dará servizo a un millar de veciños e veciñas de Coristanco e fará realidade unha demanda histórica do municipio. Na actualidade, a rede de augas residuais discorre por gravidade e por diferentes ramais co fin de dar servizo a varios núcleos de poboación. Esta rede non ten tratamento previo polo que é prioritaria a instalación desta depuradora que realice posteriormente a emisión en condicións de salubridade e acorde a lexislación vixente.

As obras constan de novos colectores de saneamento, a condución das augas aos pozos de bombeo, que disporán de dous motores cos que impulsar as augas residuais á planta de tratamento para a súa posterior saída, segundo consta no proxecto. M. L.