Dous feridos nunha colisión de tres coches na AC-552 ao seu paso pola Laracha

En Cee, os bombeiros tiveron que limpar a estrada por mor dunha saída de vía dun vehículo que envorcou cando circulaba pola estrada local de Lires
Accidentes de tráfico
Manuel Lavandeira
Saída de vía na estrada de Cee a Lires. Foto: ADC Bombeiros da Costa da Morte

Dúas persoas foron evacuadas polos servizos sanitarios tras resultar feridas nun accidente na Laracha no que se viron implicados tres vehículos. A colisión tivo lugar pasadas as 23.00 horas do martes no punto quilométrico 20 da AC-552, á altura de Torás, segundo informa o 112 Galicia.

Nada máis recibir a chamada de alerta por parte dos axentes da Policía Local, o 112 Galicia pasou aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e informou aos Bombeiros de Bergantiños e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade larachesa.

Pola súa banda, os bombeiros de Cee tiveron que limpar a estrada por mor dun accidente no que un turismo envorcou na vía que comunica a capital ceense con Lires. Encargáronse tamén da regulación do trafico ata que chegaron os axentes da Garda Civil, dado que o coche estaba ocupando un dos carrís da estrada despois dunha curva.