Dúas novas empresas instalaranse no polígono carballés de Bértoa

Investirán máis dun millón de euros // Obterán unha bonificación do 95% en tres impostos
Política municipal
Manuel Lavandeira
Vista do polígono industrial de Bértoa. Foto: Concello de Carballo

A corporación municipal de Carballo volverá a reunirse o luns 29 de marzo no salón de sesións da Casa do Concello. Será o primeiro pleno presencial dende outubro, grazas á melloría da situación sanitaria nas últimas semanas.

Someteranse a aprobación dúas novas bonificacións de impostos (ICIO, IBI e IAE) do 95% para outras tantas empresas de nova creación no polígono industrial de Bértoa, unha dedicada á fabricación de produtos de panadaría e pastelaría, promovida por Beatriz Rey Rama, e outra de produtos químicos, da firma O Sabelo, que realizarán un investimento total superior a 1 millón de euros.

Tamén se aprobarán as compatibilidades de dous docentes do Conservatorio Profesional de Música para compaxinar a súa actividade en Carballo e noutros centros de ensino musical.

Asemade, será debatida unha moción de TeGa na que solicita a anulación dun acordo adoptado no pleno anterior respecto dunha parcela no lugar da Rega (Bértoa). A moción foi rexeitada na comisión informativa, porque, tal como explicou o alcalde, Evencio Ferrero, “a obriga dos cargos públicos é defender o patrimonio público independentemente das circunstancias de oportunidade que se dean en cada expediente”. O Concello, engadiu, “está obrigado a defender un ben que está incluído no inventario municipal”.

Este venres celebrouse a xunta de voceiros, na que se deu conta dun escrito enviado polas centrais sindicais Confederación Intersindical Galega (CIG), Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (S.N. de CCOO Galicia) e Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT-Galicia) solicitando o apoio da corporación municipal na manifestación convocada para este sábado 27, ás 12.00 horas, en apoio a Alu Ibérica. Todos os grupos agás Terra Galega expresaron o seu apoio ás centrais sindicais, que demandan “unha solución que garanta realmente a continuidade industrial e dos postos de traballo”.