‘Eclipse total’, de Pont Flotant, gaña o Premio do Público do FIOT carballés

Teatro
Manuel Lavandeira
‘Eclipse total’ foi a mellor valorada polo público. Foto: FIOT

Carballo. O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo botou o pano da súa trinta e unha edición co anuncio do espectáculo gañador do Premio do Público 2022. A obra Eclipse total, da compañía Pont Flotant, acadou a máxima puntuación ao obter 4,5 puntos sobre 5.

A peza, cuxa estrea en Galicia tivo lugar no marco do FIOT o pasado 22 de outubro, enrédase nos fíos da memoria para cuestionar sobre como reaccionamos, como nos preparamos ante un feito irreversible como é a morte. A proposta, un xogo escénico de celebración da vida e ateigado da naturalidade e delicadeza que caracteriza o universo artístico da veterana compañía valenciana, e que reflexiona sobre o legado, a memoria e o misterio, obtivo a valoración máis elevada de todas as propostas.

Tamén obtivo unha alta puntuación Silencio, de Avance PT e Entrecajas PT -con dramaturxia de Juan Mayorga e interpretación de Blanca Portillo-, compañía que gañara este premio en 2015.

Ao fío, cómpre salientar o éxito da programación do FIOT, pois contou cun alto nivel de puntuación. As e os asistentes ao festival emitiron un total de 1429 votos e avalaron a programación de espectáculos cunha valoración moi positva, sendo a media de 4,3651 puntos sobre 5.