Eduardo Parga reactiva e elaboración do Plan Xeral de Malpica

Urbanismo
Manuel Lavandeira
Vista de Malpica desde la zona portuaria. Foto: P. P.

O Concello de Malpica retoma o traballo de cara a elaboración do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), un proxecto cuxa concreción quere priorizar de xeito inmediato o goberno local. Segundo explicou o alcalde, Eduardo Parga, está fixada unha reunión cos redactores co obxectivo de coñecer cal é o estado actual do plan e avanzar “de xeito definitivo para paliar un problema que estivo aparcado nos últimos dous anos”.

“Cremos que Malpica debe de contar urxentemente cun Plan Xeral co que poder resolver a multitude de problemas xudiciais e urbanísticos que se están a acumular co paso dos anos”, engadiu o rexedor. Neste sentido, Parga aposta por “tomar un novo rumbo” nas políticas municipais “que se levaban practicando desde o 2019, coa entrada dun grupo de goberno que abandonou totalmente o esforzo e traballo que se fixera ata aquel momento para sacar adiante un documento básico para unha Administración local”.