En Ponteceso destinarán 150.000 euros ao desbroce

Maleza
M.C.
Operarios realizando tarefas de limpeza en Ponteceso. Foto: Xunta

Ponteceso. O Concello de Ponteceso sacou a licitación o contrato para o desbroce con tractor e manual por 150.000 euros anuais e tres anos de duración. Dende a administración local indican que o persoal obrigatorio que debe aportar a empresa son: catro tractoristas, catro operarios desbrozando a pé, ademais dun encargado, enxeñeiro técnico e administrativo.

“Dos catro tractores 2 deben posuír potencia mínima de 200CV. A empresa tamén deberá dispoñer de furgoneta para operarios e camión aberto para transporte de residuos vexetais. Tamén biotrituradora, motoserras, sopradores e remolque con grúa para carga de residuos”, sinalaron ao respecto.

“Son 285 quilómetros por ambas marxes, e 245 km2 de desbroce mixto en espazos públicos e no interior dos núcleos onde hai que limpar a man. É un servizo que vai mellorar moito a limpeza das aldeas todo o ano porque prevé 2 limpezas” declarou o alcalde, Lois García.

A empresa deberá xestionar a biomasa de xeito ecolóxico e tamén deberá erradicar especies exóticas invasoras, como pode ser a herba da Pampa, empregando calquera método mecánico ou manual efectivo para a súa eliminación completa. m. c.