Érguete apoia en Carballo a inserción de persoas en proceso de excarceración

Servizos Sociais
Manuel Lavandeira
O servizo da Fundación Érguete púxose en marcha no ano 2019. Foto: Concello de Carballo

Carballo. A Fundación Érguete - Integración retoma este mes en Carballo o programa de orientación laboral e xestión de competencias para a inserción sociolaboral de persoas en proceso de excarceración ou que finalizaron condena. O Concello carballés colabora cunha subvención de 1.668 euros, que cobre a totalidade do proxecto.

O programa, afirman, vai dirixido “a dez persoas de Carballo e a súa contorna en réxime de semi-liberdade ou que remataron a súa condena. Do 8 de novembro ao 17 de decembro trataremos de mellorar a súa empregabilidade e as competencias persoais de cara á inserción social e laboral, facilitando a súa integración na comunidade”.

O servizo enmárcase dentro da necesidade que a Fundación Érguete ten detectado na súa intervención no Centro Penal de Teixeiro e o Centro de Inserción Social da Coruña, onde unha porcentaxe das persoas atendidas son da comarca. O obxectivo é dar continuidade aos itinerarios personalizados de inserción que se deseñaron coas persoas usuarias no cumprimento da súa condena, tentando traballar dunha maneira máis integral accedendo aos recursos do entorno para así alcanzar unha inserción real, segundo Érguete.

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Igualdade e Benestar, financia este ano con 60.000 euros un total de 14 proxectos presentados por outras tantas entidades sociais que traballan no municipio.