Esixen no Parlamento unha solución á acumulación de area na praia laxense

Iniciativa
Manuel Lavandeira
Xosé Manuel Pose, portavoz do BNG de Laxe, e o deputado Daniel Pérez nunha das dunas da praia de Laxe. Foto: BNG

Laxe. O BNG presentou unha iniciativa parlamentaria para instar ao Goberno galego a executar dentro deste ano unha actuación de rexeneración para devolver á praia de Laxe “ao seu perfil orixinario, distribuíndo a area que conformou o novo campo dunar na parte occidental”.

Os deputados nacionalistas Daniel Pérez, Luis Bará e Rosana Pérez piden asimesmo que a Xunta e o Goberno do Estado acometan unha acción coordinada que aporte “unha solución técnica definitiva en base a un proxecto de remodelación do porto” para corrixir a alteración das correntes mariñas.

Lembran dende o BNG que foi a partir das obras acometidas no dique do porto en 1998 “cando se fixeron patentes cambios importantes na propia dársena, na praia e mesmo na morfoloxía urbana da vila de Laxe”. O cambio das correntes provocou o arrastre de grandes cantidades de area cara a parte occidental da praia. M. LAVANDEIRA