Estenden pola zona costeira carballesa a rede municipal de auga potable

Actualmente están en marcha as obras nos lugares de Cambrelle, Cambre e Outeiro
Servizos municipais
Manuel Lavandeira
O alcalde, Evencio Ferrero, á esquerda, e o edil de Obras, Luis Lamas, supervisando os traballos. Foto: Concello de Carballo

Carballo. Rematadas as obras de extensión da rede de abastecemento de auga dende Razo ata Lema, o Concello de Carballo segue a traballar para completar o servizo na franxa litoral. Nestes momentos está en execución o proxecto de abastecemento e saneamento nos núcleos de Cambrelle (Razo), Cambre e Outeiro (Lema), adxudicado á empresa Vázquez y Reino por 375.953,74 euros. Os traballos están financiados con cargo ao remanente de tesourería do ano 2019.

Ademais, con cargo ao programa POS+ deste ano tamén se levará a cabo a rede de abastecemento á Pedra do Sal. As obras foron adxudicadas na Xunta de Goberno Local celebrada esta semana á empresa Vázquez y Reino por un total de 649.456,84 euros.

Estas actuacións “reforzan a intención do goberno local de garantir neste mandato o subministro de auga a toda a zona costeira, o que suporá un investimento, en total, de máis de 3,2 millóns de euros”, afirman. Na mesma zona está agora en contratación a rede de abastecemento e saneamento de Vilar de Uz (Oza), que completará o servizo nesta parroquia, e que supón outros 230.000 euros.

A maiores, está en fase de redacción por parte da Xunta de Galicia o proxecto para completar o abastecemento e o saneamento nos lugares que quedarían pendentes tras as actuacións financiadas integramente con fondos municipais. Neste sentido, o goberno municipal ten solicitado tamén a colaboración da Administración autonómica para financiar as obras. M. L.