Expropiacións para construír outro depósito de cabeceira na Laracha

Infraestruturas hidráulicas
Manuel Lavandeira
Camión atascado nunha curva na estrada de Arén ao Cancelo, en Cabovilaño. Foto: Concello da Laracha

A Laracha. A Xunta de Goberno Local da Laracha aprobou con carácter inicial o proxecto de expropiación dos terreos afectados pola construción dun novo depósito de cabeceira que servirá de soporte á rede de abastecemento.

Trátase dunha única parcela de 4.158 metros cadrados de superficie, situada no lugar das Camposas (na parroquia de Golmar) e cualificada no Plan Xeral de Ordenación Municipal como solo rústico de especial protección de montes. O Concello larachés investirá na súa adquisición 7.241,85 euros.

Cómpre lembrar que o convenio de colaboración entre o Concello e Augas de Galicia para a mellora do servizo de abastecemento (que alcanzará un investimento de 1.850.000 euros) establece que o Concello debe poñer a disposición os terreos necesarios para executar as obras previstas, motivo polo cal se adquire agora dita parcela.

CAMIÓN. Por outra banda, o Concello tivo que cortar ao tráfico a estrada que comunica os lugares de Arén e O Cancelo (Cabovilaño), por atoparse bloqueada por un tráiler que quedou atascado nunha curva. Esta circunstancia afectou a unha ruta de transporte escolar, que foi desviada por outra vía. M. L.