Expulsan do PSOE de Ponteceso aos cinco edís díscolos
A dirección provincial do PSdeG-PSOE reafirma o seu apoio ao alcalde de Ponteceso, Lois García, coa decisión de expulsar do partido aos cinco concelleiros díscolos (Raquel Fondo, Ana Pérez, Faustino Santiago Lema, Miguel Ángel González e Salvador Eiroa) do grupo de goberno socialista. Ademais, nomearon unha nova comisión xestora, que presidirá Jesús Amado Allo.
O secretario de Organización, José Manuel Lage, lembra que “o PSOE tivo o respaldo do pobo de Ponteceso por abrumadora maioría e os concelleiros críticos están fóra do partido pola súa forma de proceder, ao non respectar ao alcalde nin á decisión do pobo que os elixiu”.
A apertura do expediente de expulsión como militantes dos concelleiros foi avalada por Ferraz, que os suspendeu cautelarmente de militancia.
Dende o partido alegan como motivos da decisión o feito de “romper de xeito reiterado a disciplina de voto, actuar contra os órganos do partido e os acordos acadados, socavar a imaxe dos cargos públicos e políticos do PSOE, manter actitudes impropias e contrarias ás normas e romper reiteradamente os acordos adoptados polo grupo municipal e a comisión executiva provincial”.
Os expulsados rexeitaron facer valoracións ao respecto porque din que aínda non recibiron notificación ningunha do partido.
Pola súa banda, o alcalde, Lois García, sinalou que “estaba cantado”, logo do seu comportamento “temerario”. Insiste en que deberían deixar as actas “e que corra a lista”. Asegura que está a recibir moitas chamadas “preguntándome se o seu voto non vale para nada, xa que están a ver que estes concelleiros están facendo oposición ao alcalde cos seus votos”.
Na noite de onte celebrouse un pleno no que, co aval dos díscolos e a proposta de APIN, debatíase a retirada das adicacións ás dúas concelleiros de goberno, entre outros asuntos”.