Falece un neno de 11 anos no encoro da Fervenza, en Mazaricos
Un escolar de 11 anos, alumno do colexio Fogar, de Carballo, faleceu este martes pola mañá cando disfrutaba dunha xornada de ocio xunto cos seus compañeiros no encoro da Fervenza, en Mazaricos. Ás 12:30 horas, o 112 Galicia recibiu a chamada dun particular que solicitaba axuda para atopar a un rapaz que acababa de caer á auga e que non o localizaban. Ao momento, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) 112 Galicia alertaron aos servizos sanitarios, que desprazaron ata o lugar o helicóptero medicalizado con base en Santiago, a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, á Garda Civil, aos Bombeiros de Santa Comba, ao GES de Muros e aos membros de Protección Civil de Mazaricos. Unha vez no punto, os equipos de intervención confirmáronlle ao 112 que rescataron da auga o corpo do menor e que, desafortunadamente, pese aos esforzos do persoal sanitario, nada se puido facer por salvarlle a vida. Fontes da Garda Civil sinalan que, polo momento, se descoñecen as circunstancias de como se produciron os feitos. A Policía Xudicial xa abriu unha investigación.