Ferido o condutor dunha furgoneta tras chocar contra un poste en Coristanco

Accidente de tráfico
Manuel Lavandeira
Ata o lugar do accidente desprazouse un equipo sanitario do 061

O condutor dunha furgoneta resultou ferido despois de chocar o vehículo que conducía contra un poste de electricidade. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polo alertante, ás 10.15 horas, saíuse da vía cando circulaba pola estrada que une Coristanco e Rus (Carballo). Debido ao impacto, o poste de formigón rematou apoiado enriba do vehículo.

Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia puxeron a situación en coñecemento dos profesionais sanitarios, dos Bombeiros de Bergantiños e do GES de Ponteceso. Unha vez no lugar, os equipos de intervención confirmaron que, malia estar liberado e accesible, o condutor necesitaba asistencia sanitaria.

Co fin de restablecer as condicións de seguridade na vía, desde o 112 pasouse aviso aos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local, aos efectivos de Protección Civil da localidade e á empresa subministradora de enerxía da zona.