Ferido un condutor en Caión ao envorcar o coche no que viaxaba

Sucedeu a pasada noite e tivo que ser trasladado en ambulancia ao hospital da Coruña
Accidentes de tráfico
Manuel Lavandeira
O accidente tivo lugar na estrada de acceso á vila de Caión. Foto: Concello da Laracha

O condutor dun turismo tivo que ser trasladado en ambulancia ao hospital da Coruña a pasada noite como consecuencia das feridas que sufriu ao saírse da vía o vehículo no que circulaba, o cal que quedou envorcado na estrada de acceso a Caión (A Laracha).

Os xestores do 112 Galicia recibiron varias chamadas de persoas particulares, sobre ás nove e media da noite do mércores, para informar da saída de vía dun coche que acababa de quedar envorcado. Así mesmo, indicaban que había unha persoa no interior do turismo que non podía saír.

Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) facilitáronselle os datos aos servizos sanitarios, aos Bombeiros de Carballo, aos axentes da Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e a Protección Civil do municipio.

Ao remate das tarefas no lugar, a dotación de Bombeiros desprazada informou que a persoa implicada no sinistro non estaba atrapada no vehículo pero que tiveron que prestarlle axuda para saír do mesmo, xunto co persoal sanitario, debido á difícil posición na que este quedara.