Financian co PEL-Reactiva larachés a contración de trece persoas

Son seis máis que o ano pasado e formarán unha cuadrilla de obras e de mantemento
PEL-Reactiva
Manuel Lavandeira
O PEL-Reactiva permitirá contratar ao Concello da Laracha seis persoas máis este ano. Foto: Deputación da Coruña

A Laracha. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou este luns o anuncio dos procesos selectivos para a contratación temporal trece traballadores no Concello da Laracha. As prazas corresponden a nove peóns de obras públicas, dous capataces e dous operarios de servizos xerais, que participarán tamén en labores de vixiancia, control e reparto de material de protección da COVID.

Serán contratados por un período de 7 meses, a razón de 30 horas semanais. Os custos laborais e de Seguridade Social son asumidos pola Deputación da Coruña a través da liña de apoio aos concellos do Plan de Emprego Local (PEL-Concellos), que este ano duplica o seu orzamento coa fin de paliar as consencuencias da pandemia.

Este incremento supón que Laracha recibirá este ano 104.000 euros da Deputación, o dobre que o ano pasado, o que permite ao municipio contratar a seis persoas máis e durante máis tempo que en 2020. Os operarios seleccionados integrarán unha cuadrilla de obras destinada a realizar obras e traballos de reparación, mantemento, acondicionamento e mellora de diversas infraestruturas de titularidade municipal coma parques e xardíns, vías públicas ou beirarrúas.

Poderán optar a ditas prazas desempregados con dificultades para a integración laboral Entre os requisitos que deben cumprir os/as aspirantes a estes postos de traballo, figuran ter cumpridos os 16 anos de idade e estar inscritos como demandantes de emprego.

Así mesmo, a Deputación esixe nas bases do programa que a contratación beneficie especialmente a aqueles colectivos máis afectados polo desemprego: maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas cun grao recoñecido de discapacidade, persoas pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro, vítimas de violencia de xénero, persoas en risco de exclusión social ou mulleres, dado que o índice de paro rexistrado é sensiblemente superior ao dos homes.

Dentro destes colectivos, outorgaranse puntos extra a aquelas persoas que teñan rematado favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas administracións públicas.