Habilitan na praza O Recreo da Laracha un novo parque de xogos infantís

Seis empresas optan a construír o skatepark na parte posterior do IES Agra de Leborís
Ocio
Manuel Lavandeira
Parque infantil da praza O Recreo da capital municipal larachesa. Foto: Concello da Laracha

A Laracha. Continuando co plan municipal de ampliación, mellora e renovación de parques infantís, o Concello ten en marcha actualmente os traballos de creación dunha nova infraestrutura destas características no interior da praza O Recreo da Laracha.

Este novo parque infantil contará con catro unidades de xogos -en concreto columpios, balancíns e xogos en torres con tobogán- pensados para o uso dos nenos máis cativos, dando continuidade e complementando o outro espazo xa existente desde hai anos no que hai dispoñibles xogos cooperativos doutras características.

Deste xeito os elementos dispoñibles estarán adaptados aos diferentes grupos de idade dos seus usuarios. A nova zona tamén contará cun pavimento continuo de caucho para reforzar a seguridade dos nenos.

O Concello leva a cabo esta intervención para optimizar os espazos existentes na praza O Recreo, que está situada nun punto estratéxico da vila da Laracha, a carón da biblioteca municipal, casa da cultura e IES Agra de Leborís, ademais de ser unha zona residencial que conta con varios locais comerciais e de hostalería nas súas inmediacións. Este proxecto é financiado integramente polo Concello da Laracha con fondos propios municipais.

Por outra banda, o Concello recibiu a oferta de seis empresas interesadas na construción do skatepark, que será habilitado nunha parcela de novecentos metros cadrados situada na parte posterior do IES Agra de Leborís. M. L.