Habilitarán medio millón máis de metros de solo industrial en Carballo

Industria
Manuel Lavandeira
Plano do polígono de Bértoa cos dous sectores nos que se executará a segunda fase de ampliación. Foto: Xunta de Galicia

Bergantiños. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciou que en xuño licitarase a redacción do proxecto sectorial necesario para poder incrementar en 554.000 m2 o polígono industrial de Bértoa (Carballo), co que pasará a contar con 1,8 millóns de metros cadrados.

Actualmente o nivel de ocupación supera o 80 % dos 1,2 millóns de metros cadrados dispoñibles, logo da recente adxudicación de cinco parcelas, que suman máis de 12.000 m2 (o 22 % de todo o solo adquirido ao abeiro do concurso de Xestur), por un importe de 491.611,61 euros logo de aplicar unha bonificación do 50 % sobre o prezo de mercado, segundo informou a conselleira.

Grazas a estas operacións, engadiu, “o polígono de Carballo atraerá novas empresas que contribuirán a mellorar a súa competitividade e a consolidar a súa actual posición como polo de desenvolvemento económico para a comarca, a provincia e a comunidade”.

Ángeles Vázquez indicou que a Xunta de Galicia acaba de adxudicar un total de 23 parcelas da súas propiedade en sete polígonos por un importe de 5,78 millóns de euros. As 16 empresas compradoras aforraron máis de 2,6 millóns, respecto do prezo de mercado. M. L.