Impulsan as accións para reducir
o risco de inundacións en Carballo

Infraestruturas
Manuel Lavandeira
Desbordamento do río a pasada semana en Carballo. Foto: Concello de Carballo

Carballo. O Consello da Xunta autorizou un investimento de 3 millóns de euros para impulsar as actuacións necesarias para reducir o risco de inundación no río Anllóns, ao seu paso polo municipio de Carballo. A Administración autonómica firmou un convenio co Concello para licitar a redacción dos proxectos construtivos e a execución das obras identificadas como prioritarias.

Entre elas figuran a demolición dunha edificación e a remodelación da ponte e creación dun leito de augas altas na rúa Sol; a remodelación integral do parque do San Martiño, coa construción de motas de protección fronte ás avenidas; a remodelación da ponte da rúa Fomento; a mellora hidráulica do Anllóns ao seu paso polo enlace entre a autoestrada AG-55 e a estrada AC-552, no lugar da Cepeira, en Sísamo; e a realización dun bypass na zona do Muíño do Quinto.

ESTRADA AC-423. Asemade, o Consello da Xunta autorizou as expropiacións de 17 predios para executar a primeira fase de acondicionamento da estrada AC-423, que une Grilloi e Ponteceso. O investimento será de 1 millón de euros, incluíndo o pagamento das expropiacións. M. L.