Impulso ó plan estratéxico que lle dará un pulo ás patacas de Coristanco

Inés Santé asegurou que será elaborado polos profesionais do centro EFA Fonteboa
Agricultura
Manuel Lavandeira
Inés Santé, directora xeral de Agader, na clausura do curso na EFA Fonteboa, de Coristanco. Foto: Xunta

Coristanco. A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou na clausura do curso do Centro de Promoción Rural–EFA Fonteboa, onde anunciou que será o persoal desta escola o encargado de elaborar o plan estratéxico da pataca de Coristanco que vén de poñer en marcha a Xunta de Galicia.

Aproveitou para agradecer o labor dos profesionais implicados nesta iniciativa, concibida para darlle un pulo a este sector clave para a comarca de Bergantiños. Santé apostou pola formación que se leva a cabo en centros como o EFA Fonteboa para impulsar o sector primario e o conxunto do rural galego tras a pandemia da COVID.

Celebrou que o agro estea deixando de ser ese lugar do que a xente marcha para converterse no principal desexo dos mozos para vivir. Así mesmo, reivindicou que a súa responsabilidade a prol do rural supón dedicar todo o seu esforzo a traballar para a natureza. Nesa dirección, referiuse á importancia que teñen para a sociedade o medio natural, o Pacto Verde ou os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Unesco.

Referiuse tamén ás empresas, “que cada vez precisan traballadores máis orientados cara a esta filosofía verde”, dixo. Do mesmo xeito, engadiu que os consumidores están máis sensibilizados que nunca sobre a importancia do rural e, en consecuencia, dos produtos de proximidade de calidade diferenciada. Lembrou que Agader segue a traballar a prol dun rural vivo e dinámico. M. Lavandeira