Reforzarán o servizo de axuda no fogar para a veciñanza de Malpica

Servizos Sociais
Manuel Lavandeira
Casa consistorial de Malpica de Bergantiños

Bergantiños. O Concello de Malpica, co apoio da Consellería de Política Social, incrementa en 1.107 horas ao mes o servizo de axuda a domicilio (SAF) para persoas dependentes. Esta mellora supón un investimento aproximado de 172.700 euros co que se segue a traballar para reducir as listas de agarda no municipio.

Este aumento súmase ás 4.073 horas mensuais das que xa dispoñía a veciñanza malpicá, unha cifra que chega agora ás 5.180 horas por mes. En total, os veciños e veciñas disporán dun total de 62.160 horas anuais.

O alcalde, Eduardo Parga, agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia “para poder seguir facilitando a vida de moitas persoas que necesitan do coidado e do apoio diario para saír adiante”. Asegura que este reforzo supón “unha importante mellora nas horas do servizo, cun incremento de máis do vinte e un por cento que contribuirá a reducir as listas de agarda para beneficiarse da prestación”. M. L.