Íntegro acolle un curso de limpeza para persoas con discapacidade

Os participantes terán formación teórica e farán as prácticas en empresas da comarca
Formación
Manuel Lavandeira
Curso de limpeza de inmobles celebrado no ano 2020 nas instalacións de Íntegro. Foto: Íntegro

Cabana. Dentro da convocatoria de axudas económicas a proxectos de reforzo da empregabilidade de persoas con discapacidade “Uno a Uno”, a asociación Íntegro vén de recibir unha subvención para a realización dunha acción formativa adaptada sobre “limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais”, no marco do Programa Operativo POISES 2014-2020, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE).

O curso, que terá unha duración de 284 horas, incluirá formación teórica específica en materia de limpeza así como as correspondentes sesións prácticas en empresas. Ademais, levarase a cabo un programa de aprendizaxe transversal e de apoio na posterior busca activa de emprego para promover a inclusión laboral deste colectivo. As clases, que se desenvolverán nas instalacións de Íntegro, darán comezo o 26 de xaneiro e rematarán o 12 de maio.

As persoas interesadas en participar nesta formación deberán ter recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33 % e atoparse en situación de desemprego ou inactividade. Os interesados poderán obter máis información chamando ao 981 734 985, de luns a venres en horario de 09.00 a 17.00 horas, ou enviando un correo ao enderezo electrónico info@integro.es. O 10 de xaneiro arrincarán as primeiras entrevistas do proceso de selección de candidatos.

O obradoiro, de duascentas oitenta e catro horas de duración, dará comezo o vindeiro día 26 de xaneiro e prolongarase ata o 12 de maio. M. L.