Investimento de dez mil euros para mellorar o Xulgado de Ponteceso

Xunta e Concello asinaron un convenio de colaboración para acometer a rehabilitación e dotalo de equipamento
Equipamentos
Manuel Lavandeira
Lois García Carballido e Juan José Martín, tras asinar o convenio na casa consistorial de Ponteceso. Foto: Xunta

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, asinou co alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido, un convenio de colaboración mediante o que a Xunta investirá 10.000 euros na rehabilitación e dotación de equipamento para as oficinas do xulgado de Paz. O obxectivo é que o persoal poida ofrecer un servizo de calidade aos cidadáns. “Esta iniciativa inscríbese no esforzo que está a realizar o Goberno galego, dentro das súas competencias, para modernizar e mellorar a Administración de Xustiza”, afirmou.

Ao respecto, destacou avances importantes como o Plan de infraestruturas xudiciais, no que se levan investidos 115 millóns de euros; o Plan de Renovación de Mobiliario en oficinas e despachos coa instalación de armarios rodantes nos arquivos, que suman un investimento de case 5 millóns de euros ata 2021; a mellora da seguridade das sedes xudiciais, que dispón dun investimento de 1,5 millóns de euros para renovar os equipamentos das cidades e vilas de 3 ou 4 xulgados; ou o Plan Senda 2020, cunha dotación de 50 millóns de euros desde 2009, que facilitou que Galicia xa teña en marcha as pezas necesarias para o Expediente Xudicial Electrónico.