Laracha eleva alegacións ao proxecto do parque eólico Coto Loureiro

O Concello céntrase en afeccións acústicas, na captacións de auga e na mellora de estradas
Enerxía eólica
Manuel Lavandeira
Aeroxeradores dun parque eólico

A Laracha. O Concello larachés presentou ante a Consellería de Economía, Empresa e Innovación unha serie de alegacións ao proxecto do parque eólico Coto Loureiro, que prevé a instalación dun total de catorce aeroxeradores en Laracha e Cerceda.

Consideran que os aeroxeradores, polo seu emprazamento, dimensións e velocidade de xiro, “poderían afectar aos núcleos de poboación situados a unha distancia de entre cincocentos e mil metros, polo que se reclama un estudo máis profundo sobre as posibles afeccións ambientais, paisaxísticas e de ruído que levarían consigo ditas infraestruturas”.

Estiman insuficiente a representación gráfica das zonas afectadas acusticamente no estudo de impacto ambiental ao non incluír unha delimitación exhaustiva dos núcleos rurais. “É por iso que se reclama un estudo específico das posibles afeccións que poderían causar a transmisión do ruído, especialmente a edificacións de uso agrogandeiro situadas moi próximas aos aeroxeradores, así como a vivendas, plantacións e accidentes xeográficos”, afirman. Tamén se demanda o establecemento das medidas correctoras e das servidumes acústicas xeradas polo proxecto.

Ademais, solicitan que se realice un estudo pormenorizado das captacións de auga para traídas veciñais e que, ante a presenza de tráfico pesado que implicaría a construción e posta en marcha do parque eólico, se leve a cabo a pavimentación das vías municipais de acceso. M. L.