Laracha ofrecerá atención temperá á poboación de cero a seis anos

Servizos Sociais
Manuel Lavandeira
Casa do Concello da Laracha

O Concello larachés é un dos beneficiarios das axudas para desenvolver un programa de atención temperá, grazas ás cales disporá dun logopeda, un psicopedagogo e un mestre de educación especial. O importe da achega ascende a 38.624,67 euros.

Este servizo consiste nun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil (0 a 6 anos), á súa familia e ao seu contorno, e que ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar a súa autonomía persoal e inclusión social.

Nos servizos de atención temperá que se prestarán ofrecerase unha intervención biopsicosocial que favoreza a adquisición ou a recuperación de funcións e de habilidades persoais e sociais dos nenos. A clave é poder detectar esas dificultades o antes posible para obter os mellores resultados da atención profesional e que redunden nun máis óptimo proceso evolutivo do cativo.

En todo caso, a derivación ao servizo de atención temperá corresponde ao pediatra de referencia do neno, ao que debe acudir a familia se sospeita que pode presentar un trastorno do desenvolvemento.