Laxe revitalizará a Semana Santa

Actos Relixiosos
Manuel Lavandeira
A concelleira Raquel Lema, segunda pola esquerda, co párroco, á dereita e representantes da parroquia de Santa María de Laxe na xuntanza celebrada no concello. Foto: C. de Laxe

Laxe. A concelleira de Turismo e Cultura, Raquel Lema, mantivo unha xuntanza con representantes da parroquia de Santa María da Atalaia, entre eles o párroco, co fin de avanzar na programación dos actos da Semana Santa.

Acordaron levar a cabo unha serie de accións para recuperar e revitalizar as tradicións, e con tal fin crearase unha confraría para xestionar todo o relacionado cos propios actos relixiosos (procesións, vestimentas ou a decoración de certas rúas), recuperaranse tradicións como a celebración do Desencravo no adro da igrexa e poñerase en marcha unha investigación sobre a Semana Santa de Laxe para descubrir a súa orixe e poñer data aos versos da Paixón ou do Rosario da Boa Morte.

Desde o Concello sinalan que “somos conscientes, ao igual que na propia parroquia, da importancia que ten a celebración da Semana Santa para o municipio” e por iso queren dar un paso adiante para promover “parte da cultura relixiosa do concello e, ao mesmo tempo, afianzar un turismo relacionado coa mesma e tamén máis respectuoso coa contorna”.

A edil de Cultura, Raquel Lema, tamén destaca que, cos datos que se recompilen sobre a historia e tradicións desta festividade, sumados á afluencia de visitantes á vila, desde o Concello “traballarase para que a Semana Santa de Laxe, así como o rosario da Boa Morte, sexan declarados de Interese Turístico de Galicia”.