Licitan as dúas sendas peonís proxectadas para Soesto e Serantes

Suman algo máis de 1,3 quilómetros coa fin de fomentar a mobilidade sostible e máis segura
Mobilidade
Manuel Lavandeira
A conselleira Ethel Vázquez e o alcalde de Laxe, José Luis Pérez, á dereita, na presentación da senda de Soesto. Foto: Xunta

Laxe. A Xunta licitou hoxe por máis de 310.000 euros as obras para a execución das sendas de Soesto e de Serantes, na antiga traza da estrada autonómica AC-433, no concello de Laxe. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 14 de febreiro. Os traballos contan cun prazo de execución de oito meses.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investirá no conxunto das actuacións 334.000 euros, tendo en conta o pagamento dos 19 predios precisos para estas obras, cuxo obxectivo é facilitar os desprazamentos a pé dos veciños e favorecer unha mobilidade máis segura e sostible nestes núcleos.

As obras consisten na execución de algo máis de 1,3 quilómetros de sendas ao longo da estrada AC-433, que se construirán en formigón coloreado, para facelas máis visibles, e de cor terrizo natural, para unha mellor integración na contorna. O ancho destes itinerarios oscilará entre os 1,50 e os 2 metros.

A senda do núcleo de Soesto proxéctase pola marxe esquerda da AC-433 e ten como obxectivo conectar os lugares do Rueiro e Castrelo. Executarase un itinerario de preto de 600 metros de lonxitude, do punto quilométrico 10+240 ao 10+821, o treito máis urbanizado e, tamén, o que empregan os veciños para ir á praia de Soesto.

No caso de Serantes, a senda executarase ao longo de algo máis de 700 metros de lonxitude pola marxe da estrada actual, pero apoiada na antiga traza, entre os núcleos de Conlle e O Piñeiro. M. L.