Limpeza do sendeiro e a zona da praia en Caión

Limpeza de praias
Manuel Lavandeira
O alcalde, José Manuel López, á esquerda, e o concelleiro José Ramón Martínez, á dereita, cos operarios municipais en Caión. Foto: Concello da Laracha

A LARACHA. As brigadas municipais de conservación e mantemento dos entornos medioambientais están a realizar unha ampla e completa actuación de desbroce e limpeza de vexetación no entorno da praia de Caión e no Sendeiro de Saldoiro, o tramo do paseo marítimo que vai desde o acceso principal ao areal ata o arroio Figueirido e que conta co distintivo de Sendeiro Azul.

Aproveitando as condicións climatolóxicas favorables dos últimos días, os operarios municipais están a acondicionar as zonas verdes e os espazos de esparexemento, así como eliminando a materia vexetal nas área de aparcamento de vehículos. A continuación procederán a realizar as mesmas actuacións ao longo do sendeiro cos obxectivo de embelecer a zona e facilitar a visibilidade para que os peóns poidan divisar con maior comodidade a fermosa estampa que forman a praia coa vila de Caión ao fondo.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro José Ramón Martínez Barbeito, quixeron comprobar o resultado das actuacións desprazándose ata Caión, onde mantiveron un encontro cos operarios municipais para darlles indicacións sobre as zonas nas que traballarán nos próximos días.

A intervención afecta, en total, a unha superficie de terreo público próxima aos 50.000 metros cadrados e acométese nestas datas ante a previsión de maior afluencia de visitantes á vila na ponte de San Xosé e na Semana Santa.