Localizan en Carballo outro depósito clandestino con vehículos para despece

Automóbil
Manuel Lavandeira
Depósito clandestino de vehículos para despece localizado en Carballo. Foto: Xunta

Axentes do Grupo de Medio Ambiente da Policía Autonómica de Santiago localizaron no concello de Carballo outra parcela e unha nave industrial cun elevado número de vehículos fóra de uso no seu interior, que se suman ás tres parcelas con máis dun milleiro de coches.

Os axentes constataron na súa investigación que o responsable carecía de todos os permisos, tanto os de Industria como os necesarios para dar de baixa definitiva os vehículos fóra de uso, e tampouco contaba con licenza municipal de actividade. Ademais, o despece e o almacenamento de pezas realizábanse ao marxe da normativa.

Comprobaron que ningún dos vehículos almacenados estaba descontaminado, o que supón un grave risco para o medio ambiente pola falta de control sobre os residuos perigosos que conteñen, como aceites e baterías que requiren de un protocolo específico para a súa reciclaxe. Nesta liña, a Policía Autonómica localizou numerosos derrames de residuos perigosos no terreo onde se acumulaban parte dos residuos, que ademais estaba sen pavimentar.

Por iso, os técnicos do Servizo de Intervención Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda realizaron catas para coñecer o alcance da contaminación no medio natural e determinar se existe un delito contra os recursos naturais e o medio ambiente.

O solo da finca e da nave onde se realizaba o despece e o almacenaxe clandestino ten cualificación de solo rústico de protección das augas. A finca atopábase pechada con muros altos e na parte posterior contaba con vexetación tupida para impedir a visibilidade da actividade clandestina dende o exterior. Tamén se constatou que a empresa non daba de baixa os vehículos directamente, se non que os almacenaba e despezaba neste depósito clandestino. Unha vez despezado e retiradas as pezas de valor, o chasis era vendido como chatarra. A instalación ilegal contaba coa colaboración de un depósito legal para poder dar de baixa en Tráfico os vehículos. O responsable recoñeceu aos axentes que cando un vehículo entraba nas súas instalacións procedía a retirarlle as pezas para unha posterior venda tanto de xeito presencial como a través de internet.

A Policía Autonómica denunciou os feitos, que segundo o artigo 84 da Lei 6/2021 de 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, recolle sancións de ata un máximo de 1,75 millóns de euros, inhabilitación para o exercicio da actividade e clausura definitiva das instalacións. Ademais, dou conta dos feitos á Dirección Xeral de Tráfico por tratarse a empresa dun centro autorizado de tratamento de vehículos.