Lois García apela agora ós simpatizantesdo PP para salvar o POS

O portavoz popular di que “a única opción é que dimita antes e logo aprobarase o plan”
Política municipal
Manuel García
Lois García, alcalde de Ponteceso, gravando o vídeo no que solicita o apoio do PP ao Plan Único. Foto: L.G.

Ponteceso. O alcalde de Ponteceso, Lois García, gravou un novo vídeo aproveitando unha intervención do GES e de Protección Civil (da que é membro) para solicitar o apoio dos simpatizantes do PP para que convenzan aos edís populares de que apoien o Plan Único na que pode ser a última oportunidade para que o Concello no perda os 750.000 euros da Deputación, máis os 350.000 do Plan Complementario.

Hai que lembrar que a proposta foi rexeitada en pleno pola oposición, que ten a maioría, e García Carballido decidiu remitir igual o plan deseñado polo seu goberno (PSOE, 3 concelleiros) á Deputación como unha resolución da alcaldía. Agora espera que, dende o organismo provincial, lle reclamen o pertinente acordo plenario.

Durante a intervención de onte (un incendio nunha vivenda en Tella) lembrou que hai catro anos “os concelleiros do PP, cos seus votos e deixando a un lado as cores políticas, evitaron que Ponteceso perdera o GES”.

A este respecto, o portavoz do PP, Daniel García, di que “foi el quen, a última hora, deu marcha atrás e votou a favor do que defendía o Partido Popular, pois os seus concelleiros e socios de goberno votaron en contra e íamos perder o GES”.

Ante a petición de apoio ao Plan Único, García di que “a única opción de obter o noso sí é que na orde do día o señor Lois García inclúa a súa dimisión”. De ser así, engade, “encargarémonos de solicitar o apoio do resto dos grupos para aprobar o plan”. M. L.