Máis de medio cento de cabaneses gozaron dunha viaxe por Asturias

Excursións
Manuel Lavandeira

O Concello de Cabana aposta polo envellecemento activo da súa veciñanza programando unha viaxe á comunidade autónoma de Asturias para a súa veciñanza maior de sesenta anos. A excursión, promovida desde a área de Servizos Sociais do Concello de Cabana, tivo lugar o pasado mércores e xoves, e nela participaron máis de medio cento de persoas.

Ao longo destas dúas xornadas, as persoas asistentes puideron gozar dalgúns dos enclaves máis sinalados de Asturias como o pobo costeiro de Cudillero, a cidade de Xixón, na que se achegaron ata a escultura do Elogio del Horizonte ou á Universidade Laboral, a basílica e os Lagos de Covadonga ou o municipio de Cangas de Onís.

Desde o goberno local celebran poder “levar a cabo este tipo de iniciativas coas que promover a actividade entre os nosos maiores” e móstranse satisfeitos pola gran resposta obtida por parte da veciñanza.