Malpica homenaxea ás portadoras de peixe coa escultura ‘Nai carrexeira’

É obra de Ánxel Cao e está ubicada no paseo marítimo da vila mariñeira // Foi doada ao Concello por Eliseo Villar Loureiro e a súa familia
Inauguración
Manuel Lavandeira
Asistentes ao acto inaugural co escultor, Ánxel Cao, á dereita da ‘Nai carrexeira’. Foto: Concello de Malpica

O Concello de Malpica inagurou este sábado a escultura Nai carrexeira, unha obra de Ánxel Cao que pretende ser unha homenaxe ao oficio que ostentaban as mulleres que portaban o peixe nas súas cabezas. Foi doada por Eliseo Villar Loureiro e a súa familia. Ao acto sumáronse o tenente alcalde, Alfredo Cañizo, concelleiros e concelleiras locais; o alcalde, Santiago Hortas, e varios edís do concello irmán, Malpica de Tajo (Toledo); e o patrón maior da confraría de pescadores, Pedro Pérez, entre outros.

A escultura está ubicada no paseo marítimo da vila e o seu autor, Ánxel Cao asegurou que “é unha figura realizada unicamente para Malpica, que non só homenaxea ás mulleres polo seu traballo, senón tamén polo coidado e a educación da familia. Elas fixeron que este pobo fora próspero”, subliñou. Trátase dunha obra elaborada en bronce, cun peso de 230 quilos.

“Estou moi orgulloso e agradecido a Eliseo Villar Loureiro e á súa familia por doarnos esta bonita escultura que reflexa moi ben o traballo das mulleres de Malpica que portaban o peixe para a súa venda e, á súa vez, coidaban aos seus fillos”, subliñou Alfredo Cañizo. Agradecementos que foron reiterados tamén polo concelleiro Miguel Fernández, quen desculpou a ausencia do alcalde, Eduardo Parga, por motivos de axenda.

Tamén interviu o rexedor de Malpica de Tajo, Santiago Hortas, quen manifestou que “es un placer estar en este acto que homenajea a la mujer trabajadora”, ao tempo que subliñou que “es una escultura maravillosa”.