Malpica súmase ao programa para a compostaxe caseira de refugallos

Os veciños interesados recibirán o composteiro e tamén a formación para producir abono
Medio Ambiente
Manuel Lavandeira
A veciñanza que se sume ao plan poderá obter un abono de calidade para fertilizar as súas hortas

Malpica. O Concello de Malpica acaba de adherirse ao programa de compostaxe Doméstica de Sogama, mediante o cal facilitará composteiros e formación entre a veciñanza interesada.

O obxectivo é promover a autoxestión de refugallos orgánicos, converténdoos en abono co que fertilizar hortas, xardíns e terras de cultivo. Deste xeito, conséguese reducir os residuos xerados e o uso de produtos artificiais que contaminen o solo.

Calquera veciño ou veciña de Malpica que teña interese en sumarse ó programa deberá cubrir o formulario correspondente ao que pode acceder en www.concellomalpica.com e remitilo ás oficinas do Concello mediante o enderezo correo@malpicadebergantinos.es. Tamén se atenden solicitudes no teléfono 981 72 00 01.

O único requisito é dispoñer dunha vivenda con horta ou xardín. Unha vez aceptada a inscrición, farase entrega dun composteiro e impartirase formación. A concelleira de Medio Ambiente, María Álvarez, destacou “os grandes beneficios que aporta a compostaxe, que non deixa de ser a recuperación da reciclaxe natural e tradicional para converter os refugallos en fertilizantes”.

“Coa adhesión do Concello de Malpica ao programa, agardamos que a veciñanza tome parte e se sume á iniciativa”, engadiu a concelleira, que incidiu nos “grandes beneficios que a compostaxe aporta a medio e longo prazo aos terreos de cultivo ao reducir a carga de produtos fertilizantes químicos”.