Malpicáns maiores e con diversidade en forma cuns obradoiros saudábeis

Formación
Manuel Lavandeira
O goberno local aposta por actividades que potencien o benestar da veciñanza. Foto: C. M.

MALPICA. O Concello prepara un obradoiro de arranxos florais e outro de memoria para persoas maiores e con diversidade funcional, cos que pretende velar pola saúde mental e física destes colectivos logo dun período complicado marcado polas consecuencias da COVID.

Os talleres comezarán o vindeiro 3 de maio e impartiranse nas instalacións do Centro Cívico e na Casa do Oleiro de Buño. O obradoiro de memoria contará con sesións dunha hora e terán lugar os luns de 10.00 a 11.00 horas en Buño e os mércores de 10.30 a 11.30 en Malpica. O de arranxos florais impartirase en dous grupos reducidos en clases de dúas horas. Serán os luns ata o 28 de xuño en Buño de 16.00 a 18.00 e de 18.00 a 20.00 horas. O Centro Cívico acollerá a segunda quenda os mércores ata o 30 de xuño mantendo o mesmo horario.

Para inscribirse en calquera das dúas actividades cómpre chamar ao departamento de Servizos Sociais no 981 72 02 80. O concelleiro de Benestar, Sergio García, animou á veciñanza a participar “nuns obradoiros de especial interese logo unha época de restricións nas que as aptitudes físicas e mentais se puideron ver prexudicadas para moitas persoas”. Neste sentido, asegurou que “o goberno local seguirá apostando por organizar actividades que potencien o benestar de toda a veciñanza sen esquecer a delicada sanitaria que estamos a atravesar”.