María Rodríguez, de Golmar, súmase ao club de oito laracheses centenarios

Aniversario
Manuel Lavandeira
María Rodríguez acompañada de familiares e o alcalde, á esquerda, e a concelleira Rocío López, á dereita. Foto: C. L.

A Laracha. María Rodríguez Fuentes, máis coñecida pola súa veciñanza como Maruja, celebrou este xoves o 100 aniversario na súa vivenda do lugar de As Orxeiras, na parroquia de Golmar (A Laracha).

O alcalde, José Manuel López Varela, acompañado da concelleira de Sanidade, Servizos Sociais, Igualdade, Emprego e Promoción Económica, Rocío López, visitárona para facerlle entrega, en nome da Corporación municipal, dunha placa conmemorativa e un ramo de flores.

María Rodríguez ten dous fillos (Antonio –co que reside- e Germán), cinco netos (Alberto, Eva, Vanesa, Nuria e Germán) e sete bisnetos.

Dáse a circunstancia de que o seu bisneto máis maior, Adrián, tamén cumpriu este xoves 11 anos.

Con esta nova centenaria, o Concello da Laracha suma xa oito veciños con máis dun século de vida, dos cales cinco son mulleres e tres varóns, segundo informan dende a Administración local.

PANXOLIÑAS. Uns maiores que, ao igual que o resto da veciñanza da Laracha, poderán desfrutar este Nadal das panxoliñas do tradicional Certame María Angeriz Tuset, que este ano terá formato virtual. Está dirixido ás asociacións culturais, coros parroquiais e grupos do municipio, que deben enviar un vídeo coa súa panxoliña. O Concello subirá á páxina de Facebook todos os vídeos recibidos para que os internautas poidan votar polos seus favoritos ata o 3 de xaneiro. Hai 1.000 € en premios. M. l.