Produtos locais. Sete panaderías colaboran co Concello para desenvolver unha identidade comercial // O consistorio desenvolve labores de promoción, que se estenden á súa prezada carne // A Picota é capital do bolo do pote TEXTO M. Ramos

Mazaricos traballa para crear unha marca propia do seu pan

Produtos locais
Manuel Lavandeira

O Concello de Mazaricos segue a desenvolver iniciativas destinadas a difundir e dar visibilidade á súa excelente gastronomía local e a asentar a localidade como un destino para os visitantes de proximidade nas datas da Semana Santa e de cara ao vindeiro verán.

Con este obxectivo, o Concello traballou durante as últimas semanas en colaboración con varias panaderías do municipio para desenvolver unha identidade comercial para o pan de Mazaricos.

“O noso obxectivo é desenvolver unha imaxe visual común que poña en valor o pan de Mazaricos e contribúa a crear unha marca onde se asocie o produto, o pan, co nome da localidade”, explica o edil de Turismo e Promoción Económica, Jorge Sanmartín Rial.

O concelleiro destaca que “conseguimos implicar a boa parte das panaderías mazaricás e xa estamos inmersos no proceso de desenvolvemento da identidade do produto”.

Jorge Sanmartín agradece “a colaboración e boa acollida das panaderías de Mazaricos”. Engade que no marco desta campaña cada un dos establecementos participantes recibirá material gráfico personalizado para que poidan facer publicidade do seu negocio. “Ademais xa estamos levando esa marca de Pan de Mazaricos aos eventos da contorna”, sinala.

Precisamente, nun deses eventos o Concello aproveitou para difundir o seu outro produto gastronómico estrela, a carne, a través dun showcooking con José Manuel Carreira, do emblemático Asador Manduca, na Picota.

“A carne é outro dos produtos nos que somos moi competitivos e nesta Semana Santa estamos seguros de que vai haber moita xente que se deixe seducir por un chuletón nos restaurantes de Mazaricos”, asegura Sanmartín Rial.

QUILÓMETRO CERO. O concelleiro de Promoción Económica ten claro que os últimos acontecementos, tanto no ámbito español como internacional, espertaron a conciencia entre os consumidores sobre os produtos de proximidade. “A folga do transporte ou a escaseza de cereal derivada da terrible guerra en Ucraína fixeron que se valore moito máis o consumo de alimentos de quilómetro cero ou producidos moi preto de nós”, explica.

Neste sentido, Mazaricos ten unha oportunidade para destacar a calidade dos seus produtos e o carácter sostible da elaboración dos mesmos.

BOLO DO POTE. O binomino que forman o produto local e a gastronomía constitúe un importante reclamo e un sinal de identidade de Mazaricos que, dende hai máis de vinte anos, acolle na súa capital, A Picota, a popular Festa do Bolo do Pote, un producto tradicional que caera no olvido e que foi recuperado con esta cita. Trátase de bolos feitos con masa de fariña de millo e centeo acompañada de touciño e chourizo.

Na última edición, celebrada o pasado 6 de marzo, preto de 400 persoas desfrutaron do prezado manxar a pesares de que, por mor da situación epidemiolóxica, a festa celebrouse exclusivamente en varios locais de hostalaría do municipio, para evitar aglomeracións.