Mellora dun camiño no lugar de O Cancelo

Infraestruturas viarias
Manuel Lavandeira
O alcalde, José Manuel López, á esquerda, supervisando as obras de mellora do camiño de O Cancelo. Foto: C. L.

O Concello larachés, no desenvolvemento do plan de mellora, conservación e mantemento en boas condicións das vías de titularidade municipal, está acometendo unha actuación no lugar de O Cancelo (parroquia de Cabovilaño), nas inmediacións do parque empresarial.

A obra, financiada integramente con fondos propios municipais, estase a executar sobre un camiño de acceso a vivendas e inclúe a limpeza integral, o afirmado e a mellora na drenaxe que evitará a acumulación de augas pluviais.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto, visitaron o lugar das obras para comprobar o correcto desenvolvemento das actuacións previstas. A característica dispersión da poboación que presenta o municipio implica que o Concello da Laracha dispoña dunha ampla rede viaria que supera os 600 quilómetros de estradas que percorren o termo municipal para comunicar os máis de trescentos núcleos de poboación existentes. O seu mantemento en bo estado de conservación é unha das cuestións prioritarias para goberno local.