Mellora integral da pista polideportiva larachesa do núcleo de O Vilar

Infraestruturas
Manuel Lavandeira
José Manuel López, esquerda, e Rocío López, co responsable das obras de mellora da pista. Foto: C. L.

O Concello larachés vén de completar a execución do proxecto de mellora da pista polideportiva de uso libre situada no lugar de O Vilar, na parroquia de Cabovilaño. A ampla actuación desenvolvida comezou cunha intervención no edificio anexo no que se sitúan os vestiarios, que foron repintados tanto no interior como nas fachadas exteriores.

Na propia pista os traballos consistiron na corrección de desperfectos en toda a súa superficie, que agora foi pintada completamente de cor verde, ademais de marcarse os campos de xogo das diferentes modalidades deportivas. Tamén foi renovada a malla do peche perimetral e os equipamentos (porterías e canastras).

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego, Rocío López, desprazáronse ata o Vilar para coñecer persoalmente o resultado dos traballos. Con esta intervención o Concello pretende potenciar o uso desta infraestrutura municipal como modo de promoción da práctica da actividade deportiva e, por tanto, dos estilos de vida saudables, especialmente entre a mocidade.