Impulsan dous novos proxectos de mellora da rede viaria da Laracha

Infraestruturas viarias
Manuel Lavandeira
Rúa Silverio Morda, no casco urbano da Laracha. Foto: Concello da Laracha

Dezaseis empresas optan á adxudicación de dous proxectos na rede viaria da Laracha, valorados nun total de 329.000 euros, segundo informa o alcalde, José Manuel López. Trátase da ampliación da estrada que comunica os núcleos de Bos Aires e O Pereiro e a renovación integral da rúa Silverio Moreda, no casco urbano da Laracha. A Mesa de Contratación reunirase esta semana para proceder á apertura das plicas. Na estrada entre Bos Aires e O Pereiro, que forma parte do Plan especial de equipamentos educativos do CEIP Otero Pedrayo, está proxectado o ancheamento da plataforma da calzada, habilitar prazas de estacionamento e crear unha senda peonil que reforce a seguridade tamén das persoas que acoden a pé ao centro de ensino e ás súas inmediacións. Neste caso son once as empresas que concorreron ao procedemento.

O outro proxecto afectará á rúa Silverio Moreda da capital municipal, que enlaza dúas estradas vertebradoras das comunicacións rodadas como son a Avenida Fisterra (estrada AC-552) e a Avenida de Caión (estrada DP-1913). Actualmente está permitido o dobre sentido de circulación e existen tanto beirarrúas como zonas de aparcamento a ambas marxes. O Concello, consciente das dificultades que iso implica para o tránsito, establecerá o sentido único. O proxecto que se levará a cabo está valorado en 85.500 euros e contempla a ampliación das beirarrúas, melloras na accesibilidade e na iluminación pública e a completa sinalización en toda a rúa. Cinco empresas aspiran á adxudicación deste contrato.