Monicreques e unha mostra do paso das Misións Pedagóxicas por Malpica

A vila mariñeira lembra a estrea da función ‘O retablo de Fantoches’ no ano 1933
Aniversario
Manuel Lavandeira
Representación de monicreques en Malpica no ano 1933 no marco das Misións Pedagóxicas

Malpica. Un ano máis, con motivo do oitenta e nove aniversario das Misións Pedagóxicas, o Concello de Malpica lembrará esta iniciativa, que deixou unha fonda pegada na vila mariñeira. Unha das actividades programadas é a mostra fotográfica As Misións Pedagóxicas en Malpica, organizada polo Concello en colaboración coa Deputación da Coruña, e que poderá verse no Fondo Lugrís (na aula circular) do Centro Cívico.

A exposición recolle imaxes das diferentes representacións de monicreques levadas a cabo na vila entre os anos 1933 e 2022, e poderase visitar do 17 ao 30 de outubro.

José Val del Omar, Ramón Naya, Fernández Mazas, Miguel Prieto e Urbano Lugrís foron os impulsores, xunto a Rafael Dieste, dos espectáculos de monicreques en Malpica de Bergantiños, a través de obras promovidas polas Misións Pedagóxicas por toda España. Así, o día 20 de outubro de 1933 estreouse en Malpica O retablo de fantoches.

Para lembrar ese momento cultural tan importante, ao redor do 20 de outubro, o Concello de Malpica leva ao mesmo espazo que se usara en 1933 unha representación de monicreques. Este ano o espectáculo será o domingo 23 de outubro. Migallas Teatro representará Os tres porquiños, unha obra para os máis pequenos que mestura monicreques, teatro, xogos tradicionais e música.

A función comezará ás 18.00 horas na Praza Anselmo Villar Amigo e, no caso de que non acompañe o tempo, trasladarase ao auditorio do Centro Cívico de Malpica. M. L.