Naturgy dará un mellor servizo a cinco concellos e a conserveiras e madeireiras
Carballo. UFD, distribuidora eléctrica de Naturgy, vén de realizar un investimento de máis de 3,7 millóns de euros na reforma integral da subestación eléctrica situada no lugar de Quintáns e no soterramento da liña de alta tensión á entrada da instalación. Esta actuación mellorará a calidade e optimizará a fiabilidade da subministración eléctrica ás empresas conserveiras e madeireiras da zona, así como aos concellos de Carballo, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Malpica de Bergantiños.
A compañía realizou unha reforma completa da subestación e a blindaxe do parque de 66 kV da mesma. Ademais, dotouse á infraestrutura de novas tecnoloxías no telecontrol e sensorización, o que implica unha ampliación da súa capacidade e a mellora da calidade da subministración eléctrica, ao optimizar a fiabilidade e minimizar os tempos de resposta ante calquera incidencia que poida xurdir.
Para o soterramento das liñas de alta tensión executáronse máis de 1.550 metros de novas conducións, permitindo a eliminación de preto de 700 metros de liña de alta tensión aérea e 4 apoios, liberando máis de 20.000 m2 de servidume de voo das liñas aéreas e minimizando o impacto visual sobre a paisaxe.
Así mesmo, actualmente atópase en execución a construción dunha nova liña subterránea de alta tensión que, cunha lonxitude de 3,7 quilómetros e un investimento de dous millóns de euros, enlazará as dúas subestacións do municipio de Carballo (Quintáns e polígono de Bértoa). i.b.