Negocian un convenio con Sepes para ampliar o polígono de Ponteceso

Infraestruturas
Jose Manuel Ramos
Lois García, esquerda, Lucrecio Fernández e Diego Taibo, en Madrid. Foto: Concello de Ponteceso

BERGANTIÑOS. O alcalde de Ponteceso, Lois García, e o deputado socialista Diego Taibo, reuníronse en Madrid co novo director xeral de Sepes, Lucrecio Fernández, co obxectivo de impulsar a aprobación dun convenio para ampliar en 210.000 metros cadrados o parque empresarial de Tella. O responsable de Sepes amosouse aberto a estudar a fondo a proposta, que xa está moi avanzada na súa tramitación. Tamén lles lembrou ao rexedor e ao deputado que “é fundamental que haxa reserva de solo por parte das empresas para que a ampliación saía adiante”. Lois García e Diego Taibo tamén se reuniron con responsables da Secretaría de Estado para el Avance Digital. O reto é impulsar o despregamento da fibra óptica en menos dun ano naqueles núcleos que aínda non dispoñen deste servizo. “O traballo nese senso continuará a nivel provincial e autonómico”, segundo o rexedor pontecesán logo de coñecer as previsións. J. M.