Nova recollida de residuos a domicilio por todos os núcleos de Malpica

Reciclaxe
Manuel Lavandeira
Gráfico cos tipos de residuos que se poden entregar nesta nova campaña porta a porta en Malpica. Foto: C. M.

Malpica. O Concello malpicán puxo en marcha esta semana unha nova recollida de residuos urbanos especiais. Dende o luns ata o xoves 23 recolleranse porta a porta aceite de cociña usado, graxas e manteigas, pilas e baterías, bombillas, electrodomésticos e equipos electrónicos pequenos do fogar, consumibles de impresoras, residuos textís, roupa e restos metálicos pequenos.

Este martes, a recollida farase na estrada DP-4305 cara Santiso, Santiso, Pontella; na DP-4307 dende Seaia ata Beo, Cova, Castiñeiro, Sorrío, A Fonte Dorta, O Petón, e nas rúas A Horta Nova, O Seixo, A Orxeira e estrada Santo Hadrián. E o mércores, os operarios percorrerán Beo, Vigo, e a estrada DP-4307 dende Beo ata Seiruga. O xoves, día 23, pasarán por Seiruga, Campelo e Barizo.

A empresa Collecting Oil é a encargada de realizar este traballo. O día da recollida, os residuos deberanse deixar nun lugar accesible antes das 9.00 horas. Os interesados poden contactar cos responsables a través do número de teléfono 639 920 936 (tanto por chamada como mediante WhatsApp) ou no correo electrónico info@collectingoil.com. O Concello de Malpica anima ós veciños e ás veciñas a participar nesta iniciativa.