Novos ataques de xabaríns ás plantacións de millo en fincas de Carballo

Unións Agrarias di que foron afectadas cinco hectáreas dunha explotación de Bértoa
Agricultura
Manuel Lavandeira
Plantación de millo. Foto: Unións Agrarias

Carballo. Unións Agrarias está a recibir denuncias dos ataques de xabaril sobre as parcelas de millo que se están a plantar estes días no concello de Carballo. Aseguran que hai máis de 5 hectáreas afectadas nunha explotación de Bértoa, que terán que volverse a repoñer para non perder a estación produtiva. Os danos foron inspeccionados por Axentes do Servizo Provincial de Medio Ambiente, quen levantaron acta dos mesmos sobre o terreo.

Unións Agrarias vén de poñer estes danos en coñecemento do Servizo provincial de Caza de A Coruña, a fin de que se coordine co Tecor Bergantiños as medidas que sexan precisas para controlar os danos sobre as parcelas.

Non obstante, aseguran que entre os produtores “persiste a preocupación de cara aos próximos meses, especialmente o final do verán, cando o cultivo de millo volverá a ser vulnerable cando bote a espiga, o que advirte da necesidade de dar continuidade ás medidas de xestión que controlen as poboacións de xabaril, e que tendan a afastar as mandas cara as zonas de monte”.

CAZA SOCIAL. Lembran dende o sindicato a importancia “da caza social como ferramenta de xestión das poboacións de xabarís, e que aínda que estea pechada a temporada de caza, sí son autorizables medidas extraordinarias de xestión, e medidas de caza como as batidas, as esperas e os axexos, instrumentos todos válidos para compatibilizar a caza coa actividade produtiva no territorio”.

Asemade, lembran que a responsabilidade tanto da xestión como de resarcir os danos da fauna cinexética segue a ser responsabilidade dos Tecor e Sociedades de Caza, toda vez que se rexeitou no Parlamento de Galicia en xaneiro de 2020 a iniciativa lexislativa popular presentada por Unións Agrarias co aval de máis de 6.500 firmas de persoas do rural, onde se propoñía a modificación da Lei de Caza de Galicia para que fora a Administración a que respondera en todo caso destes danos.