O BNG de Carballo resalta os logros dos seus representantes nas institucións

Recollen os avances acadados nos últimos anos no novo boletín ‘O Anllóns’
Política
Manuel Lavandeira
Membros do BNG de Carballo na presentación do novo boletín ‘O Anllóns’. Foto: BNG

“Se o BNG está, Carballo está”. Deste xeito resumen os nacionalistas carballeses o contido do novo boletín O Anllóns, o primeiro que sacan á rúa dende a pandemia e que reflicte “a importancia que ten para o noso concello a presenza do BNG nas institucións, como puidemos comprobar durante estes últimos anos”, afirman.

Subliñan que moitas cousas cambiaron tamén no ámbito político dende a publicación do anterior boletín no ano 2019. “O BNG revalidou o goberno de Carballo ampliando aínda máis o grupo municipal con 12 concelleiros e concelleiras, acadamos a vicepresidencia da Deputación da Coruña e conseguimos, por primeira vez na historia, contar con representación local no Parlamento de Galiza. Todo isto ben merecía un especial do boletín O Anllóns”, afirman.

En pouco tempo, engaden, a presenza do deputado Daniel Pérez na Cámara Galega “marcou un antes e un despois, porque conseguiu trasladar a Compostela os problemas e as necesidades do noso concello. A necesidade dun novo centro de saúde, ou da ampliación do polígono industrial, ou da circunvalación, ou dun cuarto xulgado... son motivo de debate permanente, e iso obrigou ao Goberno do Partido Popular a empezar a desbloquear os grandes proxectos que conforman a gran débeda da Xunta de Galiza con Carballo”, subliñan.

Igualmente resaltan que dende a vicepresidencia da institución provincial, Xosé Regueira “conseguiu que o reparto dos recursos públicos se realice con obxectividade, transparencia e xustiza, e que cada concello reciba o que xustamente lle corresponde, sen ter en conta as cores políticas. E grazas a esa concepción, que reforza a autonomía local, en Carballo levamos investidos nestes tres últimos anos máis de nove millóns de euros en infraestruturas e servizos financiados pola Deputación da Coruña”, conclúen.