O BNG de Laxe pedirá explicacións polo peche da parcela do Campo do Escarabajo

Política municipal
Manuel Lavandeira
Xosé Manuel Pose, concelleiro do BNG de Laxe. Foto: BNG

A Corporación de Laxe celebrará este xoves un pleno no que se debaterá, a proposta do goberno local (PP), para recuperar e requirir a retirada do peche do terreo municipal sito en Montillóns, máis coñecido como o Campo do Escarabajo. O expediente abríuse, segundo o portavoz do BNG, Xosé Manuel Pose, “a raíz do valado da parcela este verán por parte dos colindantes, que levan anos solicitando un deslinde, e que impediron o aparcamento de coches e caravanas nese espazo público”.

Non obstante, Pose di que, “o sorprendente do asunto é que as obras parece que si tiñan título habilitante, e que foi informado favorablemente”, polo que, engade, “o asesor urbanístico e o alcalde xa sabían hai tempo que existía unha solicitude para pechar todo o Campo do Escarabajo e silenciaron o asunto”. Agora, subliña, “por razóns que deberán explicar, pretenden recuperar a posesión da parcela que deixaron pechar”.