O BNG de Laxe ve irregularidades na contratación do alumeado de Nadal

Aseguran que o feito de que fose licitado ao marxe do servizo de mantemento municipal podería “rozar a malversación”
Política municipal
Manuel Lavandeira
Vista panorámica da vila de Laxe e a súa praia. Foto: Turismo de Laxe

A licitación do alumeado de Nadal do Concello de Laxe, que incrementou en 15.000€ o gasto previsto para o servizo de mantemento eléctrico municipal, podería “rozar a malversación”, segundo o BNG, aínda que afirman a este respecto que quedaría “á interpretación dos xuristas” posto que hai opinións contrapostas á hora de interpretar se está ou non vixente o contrato do servizo de mantemento do alumeado público.

Un contrato que, engaden, a pesares de ter vencido en marzo de 2021, executouse unha prórroga do mesmo “e o grupo de goberno non só segue a pagar á empresa concesionaria a mesma cuota mensual, senón que contratou por fóra dese contrato o servizo do alumeado do Nadal, cando o punto número 5 di claramente que os alumeados especiais de festas e Nadal deberán ser executados polo concesionario, ou, o que é o mesmo, deberán ser pagados pola empresa adxudicataria”, afirman.

Por outra banda, dende o grupo nacionalista sinalan que “de non sacarse a concurso a contratación durante este ano, imos estar noutro incremento de gasto posto que se contratou tamén por fóra do contrato prorrogado o alumeado con farois do Rosario da Boa Morte por un importe de 1754,50 €”.