O BNG de Malpica pide fixar criterios e prioridades para investir o remanente

Califican de “electoralista” a proposta do PSOE // Propoñen crear unha comisión para debater iniciativas entre todos os grupos municipais
Política municipal
Manuel Lavandeira
Casa consistorial de Malpica de Bergantiños

Dende o BNG de Malpica aseguran que están a favor de usar o remanente de tesourería e lembran que xa en maio de 2020 presentaron unha moción de urxencia con tal fin. Non obstante, non apoiaron a proposta do PSOE debatida o martes en pleno porque “ao noso entender o gasto proposto polos socialistas é marcadamente electoralista, e non segue uns mínimos criterios de actuacións planificadas e programadas”.

Consideran ademais “unha verdadeira aberración e unha irresponsabilidade” utilizar o total da contía, como propón o PSOE, “xa que se pode poñer en risco a liquidez e a capacidade de financiamento do Concello para outros gastos no exercicio actual e nos futuros”. Asemade, entenden que para o uso do remanente de tesourería “deberíanse seguir criterios e prioridades, que para nós son os mesmos, agora que estamos na oposición, que cando estábamos no goberno, e son os servizos básicos e esencias”.

A este respecto, os nacionalistas avogan por priorizar o saneamento en todas as parroquias, as políticas sustentables compatibles coa conservación do medio ambiente e o aforro enerxético, as políticas sociais de atención ás persoas maiores e dependentes, a igualdade social e “outras cuestións que teñan un marcado carácter urxente”.

Sendo así, dende o BNG propoñen a todos os grupos da corporación local a creación dunha comisión “co fin de aportar e debater propostas para o uso do remanente de tesourería”.